Carta

Director Xeral
de Mutua Universal

Juan
Güell Ubillos

“Mutua Universal creceu nos principais indicadores económicos e de xestión, o que garante a nosa solvencia e incide directamente na sostibilidade do sistema e no estado de benestar”

Carta

Director Gerente
de Mutua
Universal

Juan
Güell Ubillos

“Mutua Universal ha crecido en los principales indicadores económicos y de gestión, lo que garantiza nuestra solvencia y repercute directamente en la sostenibilidad del sistema y el estado del bienestar”

Teño o pracer de dirixirme un ano máis ao conxunto de asociadas e asociados de Mutua Universal co gallo da publicación deste Informe de xestión e memoria de sostibilidade, no que se recollen os resultados da actividade desenvolvida pola entidade ao longo do exercicio 2023 e co que damos conta do seu desempeño ante a Administración pública. Este é un ente do que dependemos en virtude dun sistema de colaboración público-privado do que as mutuas colaboradoras coa Seguridade Social somos un dos exemplos de maior éxito.

Trátase dunha colaboración eficaz e eficiente que achega valor ás persoas traballadoras, ás empresas e á sociedade, e que mantemos e defendemos grazas á confianza que nos brindan as propias empresas e a Administración, e tamén á convicción de que a nosa contribución á sostibilidade do sistema é esencial. Esta sostibilidade non só é económica, senón tamén ambiental, ética e social, como corresponde ao noso propósito de ser responsables desde un punto de vista social a través das actividades que legalmente temos encomendadas para coidar a saúde das nosas empresas e da poboación mutualista.

No último exercicio, Mutua Universal creceu nos principais indicadores económicos e de xestión. Incrementou os ingresos por cotizacións sociais un 11,5 % ata alcanzar os 1665 millóns de euros, dos que a xestión da continxencia profesional supón 945,19 millóns, a xestión da continxencia común 686,53 millóns e a xestión do cesamento de actividade das traballadoras e traballadores autónomos 32,75 millóns de euros. Isto permítenos rematar o ano 2023 cun resultado positivo do exercicio para distribuír de 20,83 millóns de euros, coa Reserva de Estabilización de Continxencias Profesionais dotada ao 27,71 % (fronte ao 30 % máximo permitido pola Lei 31/2022 de orzamentos xerais do Estado) e coa Reserva de Estabilización por Cesamento de Actividade dotada máis do máximo indicado por lei.

“Coa satisfacción do traballo ben feito, coa seguridade de saber que somos unha entidade solvente e sostible, e coa mirada sempre posta na mellora continua e na visión estratéxica, afrontaremos os retos que nos depare o futuro”.

Estes indicadores, resultado do bo estado de saúde dunha entidade centenaria que a finais de ano conta cun patrimonio neto de 385,68 millóns de euros, afianzan a nosa posición dentro do sector, garanten a nosa solvencia e inciden directamente na sostibilidade do sistema, ao que lle devolvemos 21,24 millóns de euros en forma de desembolso a favor da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Contribuímos de forma inequívoca ao estado de benestar desde a actividade que nos é propia e que actualmente vai moito máis alá do accidente laboral.

Os resultados da nosa xestión na atención sanitaria e na prevención de riscos laborais de empresas mutualistas e poboación protexida tamén foron positivos no exercicio 2023. Mutua Universal incrementou un 1,2 % o número de empresas asociadas, que ascende a 159 869, e un 4,5 % o de persoas traballadoras protexidas e adheridas, que se sitúa en 1 712 590 traballadores e traballadoras (1 430 957 por conta allea e 281 633 por conta propia).

É pertinente destacar este bo desempeño, tanto económico como de xestión, posto que se consegue nunhas condicións difíciles para un sector, o das mutuas colaboradoras coa Seguridade Social, moi permeable á inestabilidade política, económica e social que parece estar instalada no mundo dun tempo a esta parte. Nesta conxuntura tampouco axudou a normativa, que seguiu aumentando o número de prestacións que xestionamos as mutuas sen actualizar o noso financiamento.

“Baixo o lema ‘A Mutua das persoas. Colaboramos innovando’, o actual plan estratéxico sitúa as persoas no centro de todas as nosas accións e aposta polo investimento en talento humano, tecnoloxía e infraestruturas”

O adecuado labor da entidade no exercicio que nos ocupa só foi posible grazas a un cadro de persoal de 2033 excelentes profesionais que, con vocación de servizo, deron forma a un modelo de atención sanitaria integral que segue sendo, a canda a xestión íntegra e rigorosa dos servizos e das prestacións, a nosa razón de ser.

Trátase dun modelo moderno e áxil baseado na innovación aplicada á xestión, á prevención e á saúde das persoas. Incorpora as últimas tecnoloxías en análise avanzada de datos e intelixencia artificial para identificar padróns e establecer modelos preditivos que nos axudan a tomar decisións, axilizar procesos e ofrecer unha atención cada vez máis eficaz e personalizada. Confórmase así un ecosistema de atención sanitaria ecuánime que combina a asistencia presencial prestada na nosa ampla rede de centros propios de alta capacitación tecnolóxica distribuídos por todo o territorio nacional (onde en 2023 se atenderon máis de 1,4 millóns de visitas de asistencia primaria, 544 166 sesións de rehabilitación e 6061 ingresos hospitalarios) cun sistema de telemedicina propio, implantado en todos os nosos centros asistenciais, que xerou máis de 13 000 consultas. Ademais, non podemos esquecer a telerrehabilitación, que permite realizar tratamentos de rehabilitación a distancia de forma complementaria ás sesións presenciais de fisioterapia.

Innovación, tecnoloxía e persoas unidas con vocación de servizo. Apoiámonos no actual plan estratéxico de Mutua Universal, que baixo o lema “A Mutua das persoas. Colaboramos innovando” sitúa as persoas no centro de todas as nosas accións e, así, humaniza a saúde e a xestión, e aposta polo investimento en talento humano, tecnoloxía e infraestruturas. Este plan senta as bases para os futuros proxectos da entidade e xa foi capaz de poñer en marcha numerosas iniciativas adaptadas ás necesidades dunha sociedade en cambio, como o noso modelo de saúde integral, humanizado e personalizado; a dixitalización das xestións coa máxima seguridade e trazabilidade, ou o fomento de accións dirixidas ao comportamento ético e responsable, ao bo goberno corporativo e á transparencia, entre outros proxectos.

A nosa poboación protexida e adherida valora moi positivamente esta visión e esforzo, tal e como demostran os resultados da enquisa de satisfacción de pacientes de 2023, que revelan un índice de satisfacción xeral percibida que roza a excelencia. Acadamos unha puntuación global de 8,05 puntos sobre 10, a mellor valoración da serie histórica desde que se realiza este estudo, que avalía os principais atributos relacionados cos servizos prestados nos nosos centros.

“Somos innovación, tecnoloxía e persoas unidas con vocación de servizo”

Coa satisfacción do traballo ben feito, coa seguridade de saber que somos unha entidade solvente e sostible, e coa mirada sempre posta na mellora continua e na visión estratéxica, afrontaremos os retos que nos depare o futuro adiantándonos ás necesidades relacionadas coa xestión sanitaria.

Esta é a nosa responsabilidade cara a todas as empresas asociadas, as persoas traballadoras protexidas e adheridas, e as asesorías colaboradoras que nos confiaron un ano máis o coidado do máis importante da vida: a saúde.

Grazas por confiar en Mutua Universal.

Tamén quero expresar a miña gratitude ao grupo de profesionais de Mutua Universal, que, co seu traballo diario, encarna os valores de calidade, profesionalidade, eficiencia e integridade cos que a entidade presta os seus servizos. Sen vós, isto non sería posible.

E, por último, tamén lles quero agradecer aos membros da Xunta Directiva de Mutua Universal o seu aval da estratexia e da actuación da mutua. Agradézolle o bo facer e o alentador entusiasmo ao seu presidente, Jaime Aguirre de Cárcer y Moreno, que fai o seu primeiro ano á fronte da entidade. Sen dúbida, os resultados deste ano atinxen ao seu mandato.

Moitas grazas.