Carta
Presidente
Jaime
Aguirre de Cárcer
y Moreno
“Xuntos seguiremos contribuíndo á produtividade, competitividade e sostibilidade das empresas e, polo tanto, da sociedade”
Carta
Presidente
Jaime
Aguirre de Cárcer
y Moreno
“Xuntos seguiremos contribuíndo á produtividade, competitividade e sostibilidade das empresas e, polo tanto, da sociedade”.
Presentamos o Informe de xestión e memoria de sostibilidade, onde se reflicte a información relativa ao exercicio de Mutua Universal en 2023, o meu primeiro ano á fronte da Presidencia da entidade, un período no que a situación política, económica e social a escala mundial se mostrou tan inestable como resiliente.
Catro anos despois do inicio da pandemia, a economía internacional segue intentando corrixir os desaxustes entre oferta e demanda, co conseguinte curso inflacionista. Este arduo proceso de reconstrución viuse freado polas devastadoras consecuencias humanas e económicas dos conflitos entre Rusia e Ucraína, e Israel e Gaza, cuxo impacto seguirá configurando o futuro nos próximos anos.
Esta incerteza xeopolítica global podería prolongar as condicións monetarias restritivas, tal e como advirte o Fondo Monetario Internacional (FMI), así como o seu impacto na escalada dos prezos das materias primas, nos prezos da enerxía e nas rutas comerciais, o que aumentaría os custos de produción das empresas, dificultaría o crecemento dos países e, en consecuencia, estendería a inestabilidade macroeconómica a medio prazo.
Porén, nesta complexa situación económica e xeopolítica, a economía mundial mostrou resiliencia. A inflación diminuíu dentro dos obxectivos indicados polos bancos centrais, e os riscos foron equilibrándose ata sustentar un crecemento lento pero constante, aínda que por debaixo da súa media. E a eurozona parece esquivar a recesión, a pesar da delicada situación económica dalgúns dos nosos principais socios comerciais, como Alemaña, Francia ou Italia.
No que atinxe a España, a economía moderou o seu crecemento en 2023, pero mantivo certo dinamismo. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no conxunto do ano 2023 o crecemento do produto interior bruto (PIB) foi do 2,5 %, o que superou todas as expectativas e situou a España como líder do crecemento económico entre os principais países da zona euro, en boa parte grazas a un avance do 0,6 % do PIB no último trimestre do exercicio. Non obstante, trátase dunha cifra anual moi afastada do 5,8 % rexistrado en 2022, e as previsións indican que esta evolución se moderará nos próximos exercicios.
“O sector das mutuas coida e rehabilita a saúde das persoas traballadoras, motor das empresas, da economía e da sociedade, protexendo máis de 1,4 millóns de empresas e preto de 19 millóns de traballadores e traballadoras”
Segundo as persoas expertas, os principais motores deste crecemento foron as familias, cuxo consumo resistiu a inflación e as subas dos tipos de xuro marcadas polo Banco Central Europeo; tamén o sector exterior, que viviu un importante incremento das exportacións, e, por último, o bo comportamento do mercado laboral, onde se aplicaron medidas para favorecer cambios estruturais que se traduciron na creación de 780 000 postos de traballo en 2023, de acordo cos datos da enquisa de poboación activa.
En troques, segue sen poñérselle remedio ao descenso da produtividade, cuestión que aínda non está na primeira liña política nin social. Tampouco se abordou o incremento do absentismo, que, segundo o último informe de The Adecco Group Institute, continúa a súa tendencia á alza e se sitúa no 7,2 %, co conseguinte custo para as empresas e a sociedade. Así mesmo, non podemos esquecer as altas taxas de desemprego (11,7 % a finais de 2023), un tema que é tan estrutural como o absentismo ou máis aínda.
O endebedamento público tamén é motivo de especial preocupación. Segundo o Banco de España, a finais de 2023 a débeda pública alcanzou o 107,7 % do PIB, o que sitúa a España entre os países con máis débeda do mundo. A Seguridade Social, entidade da que dependemos e coa que colaboramos, rexistra o incremento máis acusado do saldo de débeda (9,4 %) ata un récord de 116 173 millóns de euros. O contrapunto é que a suba das cotizacións sociais do novo Mecanismo de Equidade Interxeracional aprobado polo Goberno, unha medida que incidiu directamente nos salarios e no custo que afrontan as empresas polas persoas traballadoras, conseguiu que o Fondo de Reserva da Seguridade Social, comunmente denominado “o peto das pensións”, pechase o exercicio con máis de 5000 millóns de euros.
‘’Mutua Universal pechou 2023 cun balance positivo en canto á xestión, cuns ingresos por cotizacións sociais de 1669 millóns de euros (un 11,8 % máis que no ano precedente) e cun resultado positivo do exercicio para distribuír de 20,83 millóns de euros’’
Neste contexto estamos as mutuas colaboradoras coa Seguridade Social, pertencentes á Administración pública estatal, coa que mantemos unha relación de colaboración público-privada.
Este sector coida e rehabilita a saúde das persoas traballadoras (continxencias profesionais), motor das empresas, da economía e da sociedade, protexendo máis de 1,4 millóns de empresas e preto de 19 millóns de traballadores e traballadoras.
Tamén xestiona o pagamento das prestacións económicas de incapacidade temporal por continxencias comúns, unha clase de continxencia á que en 2023 se asociaron máis de 8 millóns de baixas por enfermidades e accidentes non laborais, principal causa do absentismo, e ante a que non temos marxe de manobra alén do pago da prestación, a pesar dos continuos ofrecementos do sector para a xestión das baixas e das altas, e da demanda histórica dun financiamento acorde ás necesidades. A consecuencia é un infrafinanciamento crónico que, porén, non impide que se nos sigan atribuíndo novas prestacións e servizos ao amparo desa eficiencia na xestión que sempre demostramos, de conformidade co carácter público das nosas funcións e dos recursos que administramos. Difícil de entender.
Polo que respecta a Mutua Universal, ámbito da nosa actuación, pechamos 2023 cun balance positivo en canto á xestión, cuns ingresos por cotizacións sociais de 1669 millóns de euros (un 11,8 % máis que no ano precedente), cun resultado positivo do exercicio para distribuír de 20,83 millóns de euros, co mantemento do compromiso de débeda cero e sen ningún axuste por parte da Intervención Xeral da Seguridade Social. Estas probas certifican a nosa boa xestión, baseada en valores éticos, de integridade e de bo goberno, e garanten a solvencia e a sostibilidade da entidade, que devolve 21,24 millóns de euros ao sistema, fiel ao propósito de ser socialmente responsable e de contribuír á sostibilidade do estado de benestar.
Desde aquí expreso o meu recoñecemento a todo o colectivo de profesionais de Mutua Universal, que co seu esforzo e profesionalidade diaria fan que isto sexa posible. O noso labor como entidade seguirá sendo prestarlles apoio e poñer á súa disposición as ferramentas máis innovadoras necesarias para que sigan asumindo ese reto ao servizo da atención sanitaria e da prevención para empresas mutualistas e persoas traballadoras protexidas, xestionando os servizos e as prestacións con rigor e excelencia. Como sempre fixemos.
“A nosa boa xestión, baseada en valores éticos, de integridade e de bo goberno, garanten a solvencia e a sostibilidade da entidade, que devolve 21,24 millóns de euros ao sistema’’
Así mesmo, quero darlles as grazas a todas as empresas asociadas, as persoas traballadoras protexidas e adheridas, e as asesorías colaboradoras por elixirnos. Xuntos seguiremos contribuíndo á produtividade, competitividade e sostibilidade das empresas e, polo tanto, da sociedade.
O meu agradecemento tamén vai ao director xerente de Mutua Universal, Juan Güell, por guiar a estratexia da entidade sen perder de vista o propósito; á Xunta Directiva e ao Comité de Auditoría e Cumprimento por garantir a máxima transparencia na xestión e unha mellora continua, e ás persoas e empresas que participan na Comisión de Prestacións Especiais e na Comisión de Control e Seguimento pola súa implicación.
Grazas tamén ao presidente e director xerente da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT), representación patronal das mutuas, e á Administración pública coa que colaboramos.
Merece unha mención especial quen comandou os designios de Mutua Universal durante 18 anos ata decembro de 2022, Juan Echevarría Puig, compañeiro durante tanto tempo na Xunta Directiva, que foi ratificado como presidente de honra da mutua pola Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social.
Grazas pola túa dedicación e excelentes servizos prestados a Mutua Universal, e parabéns polo teu nomeamento. Terte ao noso lado resulta inspirador.