Persoas e talento

Equipo humano, motor da excelencia

En 2023, Mutua Universal seguiu avanzando nos retos establecidos no Plan Estratéxico da entidade co desenvolvemento dunha cultura baseada nas persoas e na humanización das relacións laborais. Así, establecéronse as bases e os mecanismos necesarios para fomentar o traballo colaborativo, a mellora do liderado e o desenvolvemento do programa de saúde corporativa da organización.

O capital intelectual é o motor do noso modelo de asistencia. Por iso, Mutua Universal pon todos os medios necesarios para coidar e potenciar as e os profesionais da entidade a través dunha cultura corporativa baseada nas persoas e na humanización das relacións laborais.

A actividade propia de Mutua Universal ao longo de 2023 provocou un incremento das contratacións, principalmente no colectivo sanitario, onde se incorporou o 77 % do total das 234 persoas traballadoras que pasaron a formar parte da entidade durante o exercicio.

Mutua Universal pechou 2023 cun cadro de persoal de 2033 persoas traballadoras.
Esta cifra supón un crecemento neto con respecto ao ano anterior de 38 profesionais.

EVOLUCIÓN DO CADRO DE PERSOAL

Traballo colaborativo

O traballo colaborativo consolidouse como un piar dentro do modelo de xestión de Mutua Universal polo seu grande impacto na eficiencia da xestión.

Mutua Universal implantou e fomentou o traballo colaborativo baseado nas últimas e máis adecuadas ferramentas dixitais, que están á disposición de todo o colectivo de profesionais da entidade para favorecer o seu correcto uso e aplicación.

Ademais, a organización facilita a formación pertinente nestas ferramentas, así como no propio modelo de traballo colaborativo, para que todas as áreas da entidade poidan traballar en equipo e compartir coñecementos, habilidades e recursos a fin de acadar un obxectivo común.

En Mutua Universal introduciuse o traballo colaborativo en diferentes áreas e proxectos para mellorar tanto a atención asistencial, eido no que a entidade conta cunha ampla experiencia na colaboración entre centros e profesionais para ofrecer sesións de telemedicina ou telerrehabilitación, como a atención administrativa, onde se traballa de forma colaborativa para axilizar e optimizar a xestión das solicitudes de prestacións diarias, de tal xeito que se reduzan os tempos de xestión e aumente a axilidade na resolución co obxectivo de ofrecer un servizo de máxima calidade que se adapte ás necesidades das nosas empresas asociadas, persoas traballadoras protexidas e adheridas, e asesorías colaboradoras.

  • Maior axilidade e eficiencia na xestión.
  • Redución dos tempos de xestión.
  • Distribución e equilibrio nas cargas de traballo.
  • Optimización dos recursos humanos e tecnolóxicos.
  • Persoal centrado en máis tarefas de valor.
  • Espazo compartido de coñecemento, habilidades e recursos.

Aposta pola formación e o talento

O talento é unha prioridade estratéxica para Mutua Universal. Por este motivo, a entidade conta cun completo plan de formación continua dirixido a todo o cadro de profesionais distribuído polo territorio.

En 2023, Mutua Universal levou a cabo 835 accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras da organización, das cales o 80 % se organizou de forma interna. En total, o equipo de Mutua Universal recibiu máis de 91 431 horas de formación nas súas diferentes modalidades, presencial e en liña. O tempo medio de formación de cada persoa traballadora da entidade é de 45 horas anuais.

TALENTO INTERNO

En 2023, un total de 277 profesionais de Mutua Universal participaron en cursos, xornadas ou congresos en representación da entidade. Este é unha mostra clara do talento dos nosos e das nosas profesionais.

MELLOR PROXECTO DE TRANSFORMACIÓN CULTURAL NOS PREMIOS IMm

Mutua Universal foi galardoada na IX edición dos Premios IMm de xestión do cambio na categoría de mellor proxecto de transformación cultural pola súa nova intranet corporativa, Portal Universal.

Os Premios IMm identifican e recoñecen aquelas empresas que apoian e promoven o cambio nas organizacións, que marcan tendencias en materia de innovación e excelencia e que promoven a xestión do cambio como clave do éxito nas organizacións.

“Este premio é un recoñecemento á xestión do cambio dentro da nosa entidade e, en concreto, ao cambio cultural derivado da posta en marcha dunha nova intranet corporativa, pensada por e para todo o persoal de Mutua Universal”.

Esther Félix, directora de Dixitalización de Mutua Universal.

MELLOR ARTIGO NO IV CONGRESO INTERNACIONAL PREVENCIONAR

A entidade recibiu o recoñecemento ao mellor artigo no IV Congreso Internacional Prevencionar, evento que distingue o labor de investigación e innovación en materia de prevención.

O traballo Impacto biomecánico del sistema de elevación de las camas en el trabajo de la camarera de pisos, realizado por Ana Elvira Planas, José Antonio Tomás e María Ducun, de Mutua Universal, en colaboración con Carlos Senz, de Meliá Hotels, foi recoñecido como o mellor artigo presentado no congreso.

Mutua Universal
obtivo 7 candidaturas
premiadas en 2023

Premio saint-gobain á mellor práctica de construción sostible en españa

Mutua Universal resultou gañadora da I edición dos Premios Saint-Gobain á Mellor Práctica de Construción Sostible en España na categoría de Administración pública polo seu proxecto Mutua Universal Málaga-Centro Sostible.

Este recoñecemento, outorgado polo Grupo Saint-Gobain en España en colaboración co Club de Excelencia en Sostibilidade, reafirma o compromiso de Mutua Universal coa sostibilidade, o coidado do medio ambiente e a excelencia na xestión de recursos, contribuíndo así ao desenvolvemento dunha contorna máis saudable e sostible. Ademais, premia o esforzo da entidade en relación coa mellora continua na atención ás súas persoas traballadoras e empresas asociadas.

CONGRESO NACIONAL DA SOCIEDADE ESPAÑOLA DE TRAUMATOLOXÍA LABORAL

A XXII edición do Congreso Nacional da Sociedade Española de Traumatoloxía Laboral (SETLA), que reúne anualmente especialistas en cirurxía ortopédica e traumatoloxía laboral e que contou coa participación de 37 profesionais da saúde de Mutua Universal, recoñeceu dous traballos realizados por persoas da nosa entidade.

O traballo Tratamiento y evolución de una fractura intraarticular de calcáneo. A propósito de un caso clínico, elaborada por Marbely Mendoza, doutora do centro de Mutua Universal en León, destacou co premio ao mellor caso clínico. Pola súa banda, Olga Bexaide Crespo, enfermeira do centro de Mutua Universal en Oviedo, foi recoñecida co premio á mellor comunicación libre de enfermaría polo seu traballo Amputación de la falange distal de un dedo de la mano derecha por una mordedura de perro.

MEMORIA DE ACTIVIDADE CIENTÍFICA DE 2023

A investigación científica é fundamental e responsable dos avances médicos que nos permiten mellorar a prevención, o diagnóstico e o tratamento das enfermidades para contribuír a perfeccionar a calidade asistencial ofrecida aos nosos e ás nosas pacientes. A través da publicación Memoria de actividad científica 2023, a Dirección Médica de Mutua Universal pon en valor o traballo científico desenvolvido durante o último ano polo colectivo de profesionais da saúde da entidade:

Medidas e beneficios para as nosas persoas

Conciliación

A conciliación entre a vida profesional e a persoal é un elemento clave que Mutua Universal considera prioritario. En 2023, a entidade seguiu aplicando as medidas de conciliación recollidas no seu convenio e acordos colectivos, así como todas aquelas que están vixentes e que van alén da normativa.

 

En 2023, o persoal de Mutua Universal
beneficiouse de preto de
12 000 medidas de conciliación

Modelo de saúde corporativo

Mutua Universal preocúpase de que as persoas que forman parte da entidade estean e se sintan ben. Por iso, imos un paso máis alá da lei de prevención para conseguir unha empresa saudable.

A finalidade do modelo de saúde corporativo de Mutua Universal, adaptado á realidade das organizacións seguras, saudables e sostibles, vai alén da prevención das lesións e o deterioro da saúde das persoas traballadoras para incidir no seu estilo de vida persoal e familiar desde a propia entidade.

En 2023 redefiniuse o modelo de saúde corporativo.

Igualdade

Un fito fundamental de 2023 foi a publicación do II Plan de Igualdade de Mutua Universal, que supón un grande avance no contexto da igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral.

O II Plan de Igualdade de Mutua Universal ten como obxectivo definir un marco de actuación que, de acordo co establecido na normativa aplicable, permita integrar a igualdade como liña transversal e estratéxica na organización para garantir a igualdade de trato entre mulleres e homes no ámbito laboral, así como a eliminación das posibles desigualdades existentes.

ÁMBITOS DE ACTUACIÓN DO II PLAN DE IGUALDADE

  • Procesos de selección e contratación.
  • Promoción e desenvolvemento profesional.
  • Formación.
  • Corresponsabilidade.
  • Política retributiva.
  • Equiparación na representación de xéneros.
  • Violencia de xénero.
  • Saúde laboral.
  • Protocolos de acoso sexual ou por razón de sexo.
  • Comunicación e sensibilización.

O plan recolle 112 medidas relacionadas con 10 ámbitos de actuación para a correcta conciliación entre a vida profesional e a persoal.